xoves, 8 de decembro de 2022

Froiteiras de noso

 



A biodiversidade, ou a variedade de todos os seres vivos no noso planeta, tense reducido a un ritmo alarmante nos últimos anos, principalmente debido ás actividades humanas que desencadean mudanzas na utilización dos solos, a contaminación e ás alteracións climáticas.


Esta diminución da biodiversidade tense convertido nun problema de dimensións planetarias: a perda de diversidade biolóxica é un feito que xa case ninguén nega e que se concreta na desaparición de multitude de especies de seres vivos. Tal é así que deter a perda de biodiversidade ten sido proposto como un dos obxectivos formulados pola ONU no ano 2015 no marco da “Axenda 2030 de desenvolvemento sostible”



O territorio da provincia de Lugo non foi unha excepción neste proceso; na segunda metade do século XX os cambios que se produciron na estrutura social (con fortes procesos migratorios das zonas rurais cara a áreas urbanizadas dentro e fora de Galiza) e nos usos do chan provocados pola especialización produtiva da agricultura e da gandería trouxeron consigo a desaparición de variedades de plantas e cultivos que resulta fácil de comprobar.


As variedades de froiteiras presentes no territorio tamén foron notoriamente a menos. Chega con falar con algunha persoa de nacera na primeira metade do século XX para oir falar de maceiras, ameixeiras, cerdeiras... que formaban parte da súa paisaxe vital nos anos da súa nenez e mocidade e que a día de hoxe xa non están. A introdución de variedades foráneas consideradas máis produtivas, así como a aplicación de prácticas agronómicas tendentes ao monocultivo axudaron e aceleraron este proceso nas últimas décadas.




TEMOS FROITEIRAS DE NOSO.

ONDE ESTÁN? QUEN SABE DELAS?


Queremos rescatar do esquecemento as variedades locais de froiteiras. Non queremos que sigan desaparecendo as vellas árbores que nos deron mazás, peras, ameixas, cereixas, figos...


Porque son nosas: Son o resultado de traballos e cuidados das que nos precederon interactuando co medio natural, o que permitiu que chegaran até nós. Estas variedades teñen importancia cultural e son parte do patrimonio colectivo dos galegos e galegas


Porque son diversas: cada unha coa súa forma, a súa cor, o seu sabor e o seu arrecendo, lonxe da homoxeneidade e insipidez que nos propón o mercado globalizado.


Porque son sabedoras: con características organolépticas para todos os gostos e con potencial comercial nos mercados de proximidade.


Polo seu valor xenético e agronómico: as variedades locais teñen utilidade como posible fonte de variabilidade para a mellora e selección de novas variedades, o que pode ser moi útil nun contexto de cambios ambientais e económicos que puideran poñer en perigo a seguridade alimentar.


Porque están adaptadas: teñen demostrado a súa adaptación ás condicións particulares do noso medio, polo que convén telas en consideración como parte das posibles alternativas produtivas para cada zona concreta.


Polo seu potencial valor extratéxico e social, e para a soberanía alimentar de Galiza: A variabilidade e diversidade biolóxica é unha ferramenta esencial para o exercicio da nosa soberanía alimentar, máxime nun momento como o actual, na que a maior parte da nosa alimentación ven das mans dun número mui reducido de multinacionais.



Por estas e outras moitas razóns queremos que non sigan desaparecendo estas froiteiras, e para este fin precisamos da colaboración de todas as persoas e colectivos que compartan esta valoración, e acrediten na importancia de non perder de xeito irreversíbel estes recursos que son parte do noso patrimonio colectivo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario